lunes, 23 de julio de 2012

Todo recto, rumbo ao futuro.


A bucina do coche na rúa chegou aos meus oídos xusto cando me dispoñía a escribir o punto e final naquela frase. Collín o último bolso que quedaba, camiñei cara á porta e, antes de pechala, despedinme de cada recuncho da casa. Baixei as escaleiras e saín fóra. Todo recto, rumbo ao futuro.
Pouco despois, xa no coche, a medida que esa paisaxe familiar se esvaía a través da xanela a causa da velocidade, dediqueime a buscar un pouco dentro de min mesma e a sacar á luz todos aqueles momentos que gardaba xunto a eles.
Pola miña mente circularon recordos que abranguían dende ese primeiro día de instituto no que eramos uns descoñecidos ata ese último no que nos despedimos daquelo tan noso.
Viviramos tantas cousas xuntos... e o tempo pasara demasiado rápido. Agora, volvendo a vista atrás decátome do grande que chegou a ser isto.
Día si e día tamén, cada un deles coas súas risas, as súas parvadas, algunha bágoa de cando en vez pero, á fin e ao cabo, días especiais simplemente por pasalos xuntos. Ao longo de todos e cada un deles creamos esta historia formada por todos nós, polos nosos recordos e a grande amizade que se creou en tan pouco tempo. Unha historia que, sabemos, non se borrará.
Pero as cousas cambian, os días pasan e agora só sei que, polo momento, toca dicir adeus. Adeus ás oito e media con caras de durmidos, ás once e cuarto con risas e estrés e ás dúas e media con alivio. Adeus ás voltas arredor do instituto. Todo iso xa queda atrás. E eu non deixo de preguntarme que tería pasado se nunca os tivese coñecido. Posiblemente todo sería moi diferente, tanto que non querería por nada do mundo ter uns recordos nos que eles non aparezan.
A medida que a velocidade do coche me aseguraba que xa estaba a chegar ao meu destino decateime de algo. Rematamos unha etapa, pasamos a unha nova páxina neste libro que creamos ao longo destes anos e, aínda que non leamos este capítulo tan xuntos como ata o momento, sei que que nos quedan moitos capítulos deste libro para encontrarnos de novo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario